Ana Portals en A Curtidoría. Foto: Teresa Abalde

Este venres, 23 de xaneiro, celebrarase en San Sebastián a final do concurso Cocinando nuestros sabores, organizado polo Basque Culinary Center (BCC) e Eroski. Alí estará unha cociñeira de Santiago, Ana Portals do restaurante A Curtidoría, orgullosa de ser a primeira muller e primeira galega en chegar á final deste certame. O xurado elexirá a mellor receita elaborada con produtos locais entre a proposta de Ana (‘Poso del Miño’ feita con lamprea), a de Iñaki Moya do restaurante Ikea de Vitoria (‘Soufflé de arbigarras y perretxikos’) e a de Víctor Trochi do restaurante Les Magnolies (‘Gamba roja… entre el mar y la montaña’).

Xa queda moi pouco para o concurso. Lista para gañar?

Non! (risos) Estou contenta por ser elexida. Na Curtidoría estamos supersatisfeitos por estar aí. Para nós xa é un éxito. Os meus rivais son xente con máis experiencia que nós. Pero nunca se sabe!

Concursarás na final cun prato de lamprea chamado ‘Paso del Miño’. En que consiste?

É unha lamprea preparada á bordelesa, de forma supertradicional, e logo dámoslle unha pequeniña volta. Normalmente acompáñase con arroz branco e nós facémolo con crocante de arroz. Leva tamén un gnocchi de boniato, un pouco doce para suavizar a lamprea, e unha escuma de foie.

Por que te aventuraches a participar?

Estaba en San Sebastián porque estaba facendo un master na facultade de Ciencias Gastronómicas e vin o concurso. Algúns dicíanme: “Ana, por que non te presentas?” E eu dicía: “Estades chalados”. Pero terminei o master e dixen por que non? Fixemos o prato e mandámolo.

Es a primeira muller en chegar á final. Por que é tan difícil para as mulleres entrar no mundo da alta cociña?

Creo que as mulleres nos poñemos os nosos propios límites. Non o deixamos todo pola cociña. Pero non creo que ninguén estea poñéndolle pedras a ningunha cociñeira.

Tamén es a primeira galega. Os outros dous participantes son do País Vasco e de Cataluña, dúas zonas con moita sona no mundo culinario. Por que Galicia non tanto?

Aquí temos oa Grupo Nove que ten moita incidencia, pero no País Vasco e en Cataluña non sei se tiveron máis repercusión ou se o souberon facer mellor ca nós. En Galicia fáltanos conseguir a segunda Estrela Michelin, pero co produto que temos non creo que teñamos nada que envexar. Sempre digo que a maior competencia que teñen os cociñeiros galegos é o produto, porque só se fala del. Ademais, ao mellor nos inspiramos máis nos cociñeiros de fóra en vez de apoiarnos máis entre nós. Un referente aquí foi Marcelo Tejedor e non se lle dá o valor que ten. Non temos ese apego polo noso.

Veste ti algún día cunha Estrela?

Non o pensei. Vou ao día a día. A Curtidoría non é un sitio para unha Estrela porque é máis de todos os días. Pero nunca se sabe. Son moi noviña, teño 28 anos e quédame un mundo.

E sempre quixeches adicarte a isto?

Non, eu nunca tiven unha devoción pola cociña. Estudie en Lamas de Abade. Empecei facendo pastelería e logo comecei na Curtidoría. Alí empecei facendo o que ninguén quería: lavar pratos, etc. E pouco a pouco foi crecendo a Curtidoría e eu con ela.

Que tipo de cociña defendes alí?

Unha cociña super sana, natural, moi meditarránea, con moito arroz, moito peixe fresco… É unha cociña sinxela pero que está realmente rica. É unha cociña con sabor.